Manuel Fariña, portavoz do BNG en Caldas de Reis, reafirmouse este martes no relato de feitos que xa fixera hai máis dun ano sobre a agresión sufrida nun monte de Saiar. Nesta ocasión, falou no xulgado, no xuízo contra o empresario da localidade acusado de agredilo, e, segundo sostivo ao remate, "reafirmouse punto por punto na denuncia efectuada".
O xuízo celebrouse este martes no Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 1 de Caldas e aínda non se ditou sentenza, pero, independentemente do seu resultado, o seu partido, o BNG, xa anunciou que vai presentar un recurso. Farao porque está en desacordo coa cualificación xurídica que se fixo dos feitos.
"Non se pode xulgar por delito leve unha agresión a un cargo público en exercicio das súas funcións", critica o BNG, que sostén que Manuel Fariña foi agredido despois de denunciar, como concelleiro, verteduras ilegais de entullos nun monte de Saiar.
O empresario acusado nega que os feitos sucederan como sostén o portavoz local do BNG e no xuízo tamén saíron a relucir varias probas, entre elas, un parte de lesións de Manuel Fariña e unha serie de gravacións realizadas no momento dos feitos.
Desde o BNG aseguran que o empresario, na súa declaración, tivo "numerosas contradicións" e Manuel Fariña reafirmouse nunhas declaracións xa realizadas nos últimos días, que "ningunha ameaza ou agresións vai facer que muden co seu labor de defensa da veciñanza, do medio ambiente e da calidade de vida dos homes e mulleres de Caldas de Reis.
Este martes, con motivo do xuízo, desprazáronse ata Caldas, en apoio a Manuel Fariña, o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, e o deputado Luís Bará.