O BNG de Poio anunciou este luns que o vindeiro mércores 19 de xullo organiza un acto público para conmemorar o Día da Matria, un acto que durante os últimos oito anos organizou o Concello de Poio e que agora asumen como partido político.
A voceira do BNG de Poio, Marga Caldas, explica que este acto enmárcase na conmemoración do día 25 de Xullo, Día da Patria Galega e "denominouse o Día da Matria para reivindicar a importancia do papel da muller no noso país".
Este Día da Matria é, para Marga Caldas, "sen dúbida unha data moi importante" e non querían deixala pasar.
O BNG vai organizar esta cita aberta a toda a veciñanza nos xardíns de Rosalía de Castro en Ferreirós a partir das 19,30 horas.
As actividades consistiran nun contacontos para os máis cativos a cargo de Bea Campos e un acto político coas intervencións de Írea Ferreiro, veciña de San Xoán e militante de Galiza Nova; Marga Caldas; e o deputado autonómico Luís Bará.
Dende o BNG de Poio fan un chamamento a reivindicar este acto como "símbolo de identidade da nosa condición de galegas e galegos, poñendo en valor a nosa lingua que é o que máis nós une como pobo".
Durante o acto, procederase á entrega de bandeiras conmemorativas desta data a todos os veciños que as soliciten no correo [email protected]. Ata rematar existencias.