O BNG de Marín chama a mobilizarse por unha atención sanitaria presencial e máis medios no centro de saúde da vila

Marín
12 de xaneiro 2021

O BNG de Marín convoca a toda a cidadanía para que o próximo xoves 14 de xaneiro asista a unha concentración en defensa da sanidade pública e por unha atención sanitaria presencial. Será ás 11.30 horas da mañá para denunciar que o ano 2021 comeza como rematou 2020, "sen melloras na atención no centro de saúde de Marín"

Centro de Saúde de Marín
Centro de Saúde de Marín / Diego Torrado

O BNG de Marín convoca a toda a cidadanía da vila para que o próximo xoves 14 de xaneiro asista a unha concentración en defensa da sanidade pública e por unha atención sanitaria presencial. Será ás 11.30 horas da mañá para denunciar que o ano 2021 comeza como rematou 2020, "sen melloras na atención no centro de saúde de Marín, e sen reforzo de persoal administrativo e sanitario, o que continua provocando demoras para ser atendidos".

Os nacionalistas xa convocaron concentracións anteriores para denunciar a situación sanitaria do municipio e nesta ocasión volven reivindicar unha mellora e actuacións inmediatas no centro de saúde de Marín para rematar coas listas de agarda.

Entre outras medidas, piden unha cobertura ao 100% das ausencias do persoal, pois actualmente hai prazas sen cubrir que provocan que, por exemplo, só hai unha persoa atendendo ao público e collendo as chamadas telefónicas pola tarde no centro de saúde de Marín.

A situación sanitaria, segundo o BNG, "parece que non vai mudar". O BNG prevé que o PP vai continuar cun modelo sanitario "de precariedade laboral e de medios, sen reforzar o sistema sanitario público" e vai continuar priorizando unha atención telefónica fronte á presencial, o que provoca unha maior dificultade nos prognósticos e polo tanto unha tardanza en detectar patoloxías graves e derivalas á atención especializada.

"Todas estas dificultades para acceder á sanidade pública só benefician á sanidade privada", critican os nacionalistas, que engaden que durante a pandemia, segundo SOS Sanidade Pública, deixáronse de facer unhas 3.000 intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas médicas e 20.000 probas diagnósticas.