O BNG de Marín defenderá unha moción de apoio ás traballadoras de Cleanet

Marín
02 de xaneiro 2015

Os nacionalistas instan ao Ministerio de Defensa a que faga cumprir as condicións do contrato e se aboen os salarios

Protesta do persoal de Cleanet durante a súa terceira xornada de folga
Protesta do persoal de Cleanet durante a súa terceira xornada de folga / Mónica Patxot

O Bloque Nacionalista Galego de Marín defenderá no próximo pleno municipal una moción de apoio ás demandas das traballadoras de Cleanet, instando  ao goberno local a que se dirixa ao Ministerio de Defensa para que este esixa á empresa Cleanet o cumprimento das condicións establecidas no prego de condicións da concesión, que se respecten os dereitos laborais dos e das traballadoras e se lles abonen as nóminas pendentes.

O Ministerio de Defensa e a empresa Cleanet asinaron un acordo en maio do 2013, que estará vixente até xuño de 2015 para a limpeza das instalacións da Escola Naval Militar. O importe desa concesión, que ademais de Marín alcanza a instalacións de Escola Naval, a Brilat, residencia militar, Subdelegación de Defensa e  Centro Deportivo de Campolongo, en Pontevedra, ademais das instalacións militares de  Cartaxena, Murcia, Sevilla ou Granada, entre outras, ascende a 12 millóns de euros.

"Dende o inicio da concesión as traballadoras arrastran problemas de atrasos de pago, e dende  finais de 2014 directamente o impago das nóminas", afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

En total son 34 traballadores na provincia de Pontevedra que veñen demandando o pago de atrasos de até tres mensualidades e denunciando incumprimentos sistemáticos dos seus dereitos laborais dende o inicio do contrato.

"O Ministerio de Defensa, que se ampara en que lle está a pagar á empresa,  non pode permanecer alleo a este grave problema laboral, porque ao fin e ao cabo  trátase dunha concesión para instalacións de Defensa. O Ministerio ten a responsabilidade de vixiar porque se cumpra a concesión, que debe levar implícito o cumprimento dos dereitos laborais dos e das traballadoras, asi como o deber de controlar que se cumpra o prego de condicións", día a moción.

Por esta razón, a moción do BNG pídelle ao Pleno que esixa ao Ministerio de Defensa que rescinda a concesión á empresa Cleanet "por incumprir de xeito sistemático os contratos", afirma a portavoz do BNG.