O BNG de Marín pide explicacións sobre o proxecto de explotación da parcela cedida polo porto

Marín
13 de outubro 2016

A corporación acordou, hai agora un ano e a proposta do PP, encargar un estudo sobre as posibilidades de usos

María Ramallo, alcaldesa de Marín, asina un convenio co presidente da Autoridade Portuaria de Marín, Suárez Costa
María Ramallo, alcaldesa de Marín, asina un convenio co presidente da Autoridade Portuaria de Marín, Suárez Costa / PontevedraViva

O grupo municipal do BNG de Marín, solicitou explicacións sobre a contratación dun estudo de viabilidade técnica, xurídica e de explotación da parcela de usos cedida polo Porto de Marín, que tería que ter encargado o goberno local do PP. Así o acordou o pleno da corporación municipal na sesión plenaria de outubro de 2015 a iniciativa do PP, a través dunha moción.

A pesar do tempo transcorrido, e de que no seu momento a alcaldesa, María Ramallo, fixo fincapé en que o Concello debería marcar os usos aos que se vai dedicar este espazo para poder levar a cabo neste mandato as melloras necesarias para poder integrar este espazo e definir os usos aos que se vai dedicar, a día de hoxe, os nacionalistas queren saber se se chegou a encargar o estudo.

Hai só un ano a alcaldesa afirmaba que era necesario un aparcadoiro soterrado, e que se podía aproveitar este espazo para facer un pavillón cultural. O Bloque di que agora "xa ninguén sabe que o que vai pasar con estes terreos, porque o PP xa cambiou de opinión e incluso valora demoler a Casa do Mar, algo inasumible para o BNG".

Por iso, na vindeira sesión plenaria o BNG preguntará á alcaldesa neste sentido.