O BNG de Marín pide maior control para que as terrazas da hostalería non prexudiquen ao comercio

Marín
25 de xuño 2021

"Faise imprescindíbel todo tipo de axuda ao sector, mais isto non pode ir en contra da actividade doutros locais comerciais", sinala a portavoz nacionalista, Lucía Santos

Terraza na rúa Méndez Núñez xunto á Alameda de Marín
Terraza na rúa Méndez Núñez xunto á Alameda de Marín /

O BNG de Marín presenta unha emenda á instrución do Concello para a regulación das terrazas da hostalería. Pola crise derivada da pandemia, o goberno local flexibilizou a instalación de mesas na vía pública, pero desde a oposición piden ao executivo de Ramallo que a ocupación da vía pública por locais de hostalería "non dificulten a visibilidade de entradas, fachadas ou escaparates de locais comerciais", sinala a portavoz Lucía Santos.

A líder dos nacionalistas afirma que "esta enmenda que propón o BNG é consecuencia das queixas de comerciantes da localidade que están vendo perxudicados os seus locais pola ampliación do espazo de terraza de hostalaría, xa que nalgún caso co mobiliario e parasois ocultan a visibilidade dos escaparates dos seus negocios, sentíndose discriminados por esta causa".

No Bloque son conscientes dos problemas que tiveron que superar os hostaleiros e que as axudas do goberno local eran imprescindibles, "mais isto non pode ir en contra da actividade doutros locais comerciais". Por iso solicitan que se teña en conta esta cuestión á hora de autorizar a colocación de veladores na vía pública.