O BNG demanda que a Xunta repare o dique do lago de Castiñeiras

Vilaboa
20 de xuño 2018

O deputado nacionalista Luís Bará presentou no Parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta desenvolva actuacións urxentes no lago de Castiñeiras e na súa contorna, co obxecto de poñer fin ao deterioro e que este espazo natural recupere o seu antigo esplendor

O Lago de Castiñeiras, baleiro pola seca
O Lago de Castiñeiras, baleiro pola seca / Cristina Saiz

O deputado nacionalista Luís Bará presentou no Parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta desenvolva actuacións urxentes no lago de Castiñeiras e na súa contorna, co obxecto de poñer fin ao deterioro e que este espazo natural recupere o seu antigo esplendor.

A primeira medida proposta polo BNG é que a Xunta acometa con urxencia un proxecto de reparación do dique do lago, xa que debido a que non se realizaron traballos de mantemento e de selado das fendas o lago perde progresivamente auga e pode chegar a secar no verán, como aconteceu o ano pasado.

Con esta actuación preténdese evitar que se repita a imaxe do lago de Castiñeiras sen auga, xa que é precisamente o principal reclamo e a estampa que mellor identifica o parque.

A segunda actuación urxente que solicita o BNG é a Xunta cumpra o convenio asinado en 2001 coa Comunidade de Montes de Vilaboa, que obriga á administración autonómica a aprobar un plan anual de actuación no espazo obxecto do acordo. Neste sentido, Luís Bará defende que o goberno galego aprobe un plan extraordinario de actuación "para compensar a falta de investimento nos últimos anos".

Por último, o BNG demanda un plan de conservación e mellora do xardín botánico de Castiñeiras.