O BNG estuda deixar de asistir á subcomisión do PXOM se segue sen avances

Pontevedra
26 de febreiro 2016

Carme da Silva critica que saíu  da última reunión, celebrada este venres, coa sensación de que "hai quen pensa que ven ao Concello a pasantía, pero logo non quere facer os deberes". Entre outros motivos, argumenta que piden informes técnicos sobre informacións que son públicas e que, de emitirse, supoñerían "entorpecer o normal funcionamento" dos distintos sevicios   

Comisión especial do PXOM
Comisión especial do PXOM / Mónica Patxot

O grupo de goberno do Concello de Pontevedra, do BNG, estuda deixar de asistir á subcomisión creada na Comisión de Urbanismo para impulsar a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Farao se a reunión segue sen avanzar e repítense sesións como a deste venres, da que a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, saíu coa sensación de que "hai quen pensa que ven ao Concello a pasantía, pero logo non quere facer os deberes".

Da Silva asegura que desde o primeiro momento ofreceu toda a colaboración aos grupos da oposición para esta comisión, pero que xa tivo "bastante paciencia", de modo que para "perder o tempo" está a estudar non seguir asistindo. Entre outros motivos, argumenta que algúns dos concelleiros asistentes á reunión piden informes técnicos sobre informacións que son públicas e que, de emitirse, supoñerían "entorpecer o normal funcionamento" dos distintos sevicios municipais ou que na sesión deste venres aínda descubriron a existencia de informes do ano 2007 que xa están superados. 

As discrepancias entre o grupo de goberno e os catro grupos da oposición son evidentes desde a posta en marcha da comisión e este venres volveron facerse públicas. Discrepan xa na idea básica de que a oposición considera que é posible redactar un novo plan e considérano necesario e o BNG cre que nin é necesario nin factible nestes momentos. Respecto diso, Carme da Silva afirma que "neste momento é máis útil para a sociedade de Pontevedra ter un plan como ten, sen conflitos, sen inseguridade xurídica que meterse nunha leada como a de Vigo ou Ourense"

A presidenta da comisión, a concelleira de Ciudadanos (C's), María Rey, critica que o BNG asegure agora que o PXOM non está esgotado nin hai motivo de inseguridade xurídica cando nun informe de 2007 o equipo redactor do plan xa asegura que "nunca como agora resultou tan necesario". "Non entendemos, se en 2007 era necesario, que non o sexa en 2016", indica. 

A representante de Ciudadanos cre que nas reunións si se avanza e anunciou que á próximo serán convidados representantes da Xunta de Galicia, en concreto, a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, á que acordaron preguntarlle sobre dous aspectos. O primeiro será se é posible deixar fose do PXOM os terreos que ocupa a empresa Ence en Lourizán e os reservados para o hospital de Monte Carrasco e a segunda se a Administración autonómica "está dispuesta a limar asperezas con el Concello de Pontevedra". María Rey crer que si é posible deixar Ence fóra de plan.

O concelleiro do PP César Abal tamén cre que a pasteira pode quedar fóra do PXOM e móstrase moi crítico coa actitude do BNG, a quen acusa de "bloquear o plan xeral". Asegura que desde que se creou a comisión "se ha dedicado a crear atrancos" e, a pesar de todo, descubriuse que "se puede sacar el plan general si se tiene voluntad", pois non son ningún problema nin Ence nin a porcentaxe de edificabilidade

Entre outras cuestións, critica que o grupo de Goberno impida aos técnicos municipais realizar informes para a subcomisión e repróchalle que se diga que a Xunta é "un mal endémico que nos impide hacer todo", cando non é certo, senón que nisto caso "fue el gobierno de Pontevedra el que nunca quiso hacer el segundo informe previo" sobre o PXOM. De todos os xeitos, ofrécese a seguir colaborando. 

Carme da Silva, pola súa banda, cre que en momento no que a situación do plan urbanístico en Galicia "está na picota", no que hai plans anulados en Vigo e Ourense, hai situacións difíciles en moitas concellos que están a esperar sentenzas e "o PP conseguiu o récord de modificacións da Lei do Solo", o "responsable" é non facer un novo plan. 

En relación con Ence, lembra á oposición, que non se pode deixar fóra do PXOM porque estes terreos xa están ordenados nun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que existe e que está pendente de sentenza no Tribunal Supremo. "O lóxico é esperar" a que o Alto Tribunal indique como hai que executar a sentenza e, no caso de que se tombe ese plan, estudar incluír ou non eses terreos no PXOM.