O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Luís Bará rexistrou unha proposición non de lei e preguntas parlamentarias para que o SERGAS cubra a vacante do servizo.
Nos vindeiros días está prevista a prexubilación do pediatra que atende os centros de saúde de Barro e Monte Porreiro, o que está a crear preocupación e alarma na poboación do concello e do barrio pontevedrés.
Luis Bará sinala que esta preocupación está xustificada pola carencia de pediatras para cubrir vacantes e baixas que xa se puxo de manifesto noutros centros de saúde. "Unha situación que ten a súa causa, por unha parte, na falta de previsión e planificación por parte do SERGAS, e , por outra, na redución de investimentos en atención primaria ao longo da última década".
O grupo parlamentario do BNG presenta unha proposición non de lei na que demanda que a Xunta de Galiza tome as medidas necesarias para garantir a cobertura da praza de pediatra nos centros de saúde de Barro e Monte Porreiro unha vez que se faga efectiva a xubilación do titular da mesma.