O BNG nota que a "corrente de simpatía" cara ás súas siglas "aumenta cada día" e está a deixar imaxes das que non lembran precedentes en campañas electorais anteriores para as eleccións xerais, con actos cheos de xente que fixeron que durante a primeira metade da campaña xa se teñan contabilizado máis de 3.500 asistentes aos seus actos na comarca de Pontevedra.
Así o trasladaron este sábado o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, e a concelleira e cabeza de lista do partido ao Congreso dos Deputados, Carme da Silva. Como balance do ecuador da campaña, manifestaron que están a percibir que "o efecto BNG está en marcha", como nas eleccións autonómicas estivo o "efecto Pontón" que logrou que a forza nacionalista obtivera un grupo parlamentario de seis deputados fronte ás enquisas que só lles daban un representante .
Na campaña destas eleccións xerais, ese efecto BNG "nótase en cada acto, nas redes sociais...", con asistentes en aumento e simpatizantes desexosos de "volver dar voz a Galicia en Madrid". Nesta corrente de simpatía en aumento, Da Silva ve, en parte, o resultado de que na última lexislatura o partido nacionalista non tivera representación no Congreso ou no Senado, pois "Galicia non estivo na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado" e tampouco no debate de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.
Despois desta última lexislatura sen unha forza nacionalista galega en Madrid consideran que os votantes se deron conta "do que significa que non estea o BNG". Ademais, Carme da Silva insiste en que "o efecto BNG conta dobre", pois a súa presencia no Congreso é garantía de que "as cousas de Galicia contan", xa que "o BNG non ten que pedir permiso de ningún grupo parlamentario das forzas estatais", e tamén "para frear á dereita que quere ir 40 anos máis para atrás do que xa nos levou o PP".
Demetrio Gómez considera que "custa lembrar unha campaña con este nivel de alegría e esperanza" da cidadanía cara ao BNG, con persoas que lles fan chegar que é a primeira vez que van a un mitin. Neste senso, Carme da Silva reflexiona sobre o feito de que "xa levamos unhas cantas campañas enriba e o que estamos vivindo nesta é extraordinario".
Ese feedback que están a recibir da ente failles chegar "a confianza e a ilusión da xente para volver dar voz a Galicia", pero Da Silva non se confía e na segunda metade da campaña vaise centrar en apelar aos votantes e pedir a todos os galegos, sexan do BNG ou non, a "sumarse á remontada do Bloque" para que Galicia volva ser protagonista e decisoria nas políticas do Estado.
En relación con este aspecto, Da Silva defende que ningunha outra forza política exerceu a defensa de Galicia con máis firmeza e dignidade que o BNG durante a súa presenza nas Cortes xerais. A xente trasládalles "que diferente era cando estaba Guillerme (Vázquez) ou Olalla (Fernández)", antigos representantes do BNG no Congreso. Daquela, "en Madrid sabían que Galicia existe e tiñan que ternos en conta...".