O BNG pide a Defensa que ceda o antigo hospital da Escola Naval de Marín para facer fronte á crise sanitaria

Marín
05 de febreiro 2021

O deputado nacionalista Néstor Rego presenta unha iniciativa no Congreso solicitando o uso das instalacións militares ao entender que a infraestrutura se atopa en boas condicións para ser empregada en tarefas hospitalarias atendendo a poboación civil

Antigo Hospital Naval de Marín
Antigo Hospital Naval de Marín / Diego Torrado

Néstor Rego, deputado do BNG, presentará unha iniciativa no Congreso dos Deputados para solicitar o uso das instalacións do antigo Hospital da Escola Naval de Marín co obxectivo de que acollan a persoas afectadas pola pandemia.

Lucía Santos Omil, portavoz do BNG en Marín, indica que o edificio se atopa en boas condicións para ser reutilizado como espazo hospitalario. A representante nacionalista afirma que a actual situación sanitaria con 2.166 pacientes de  covid activos obriga a buscar alternativas que poidan facer fronte á eventual situación de colapso nas unidades de coidados intensivos. 

Néstor Rego entende que con esta incorporación poderíase manter a atención sanitaria a outros pacientes con diferentes patoloxías nas plantas dos centros hospitalarios públicos. Considera que este antigo hospital da Escola Naval é o espazo máis adecuado para que se converta en hospital de campaña e espera que o Ministerio de Defensa atenda esta solicitude e dedíqueo, de maneira preventiva, a uso sanitario de poboación civil.

Este edificio é utilizado actualmente como residencia vacacional, esa é a resposta que o Ministerio de Defensa ofreceu cando xa se solicitou en marzo de 2020. Os nacionalistas entenden que esta negativa para facer uso das instalacións #ante a situación pandémica é "inxustificable".

Na xunta de portavoces do  Concello de Marín o 28 de xaneiro, Lucía Santos trasladaba esta proposta do mesmo xeito que a realización dun cribado masivo na vila de Marín, ademais de atención domiciliaria ás persoas en situación de corentena. Sinala que a alcaldesa María Ramallo comprometeuse a trasladar este propostas pero, polo momento, o BNG recoñece que carece de información oficial respecto a estas peticións.