O BNG propón a construción dun novo parque de bombeiros que dea solución aos concellos do interior

Ponte Caldelas
03 de outubro 2019

O BNG insta á Xunta a que estableza un diálogo coa Deputación e os concellos para solucionar o grave problemas creado polas "zonas de sombra"

Reunión de representantes municipais do BNG
Reunión de representantes municipais do BNG / BNG

Este xoves tivo lugar no local comarcal do BNG unha reunión na que participaron o deputado do BNG, Luís Bará, e os portavoces municipais en Campo Lameiro (Dolores Rodríguez), Cerdedo-Cotobade (Ernesto Filgueira) e Moraña (Marcos Suárez), para analizar a situación das emerxencias nestes concellos, que, xunto cos de A Lama, Forcarei e Ponte Caldelas conforman unha "zona de sombra", onde os tempos de resposta son moi superiores aos vinte minutos recomendados pola normativa vixente.

Son, segundo o Bloque, concellos cunha "mala cobertura de emerxencias, nos que a poboación está desprotexida ante calquera situación de risco".

Os representantes do BNG acordaron instar á Xunta de Galicia para que "lidere" a solución a este grave problema, "xa que é a institución que, por lei, ten as competencias en materia de coordinación, planificación e elaboración do mapa de emerxencias de Galicia".

Unha solución, que ao entender do BNG pasa pola creación dun novo parque de bombeiros, que ten que ser o resultado dun estudo "serio e riguroso", e dun "diálogo efectivo" entre Xunta, Deputación e concellos afectados para abordar as súas características e financiamento.

Na reunión informouse por parte do deputado nacionalista, Luís Bará. que o 16 do presente mes levará o tema a unha comisión do Parlamento, para que o goberno galego se pronuncie sobre esta cuestión e dea unha resposta sobre o que pensa facer para buscar unha solución a este grave problema.