Un GES con base na Lama atenderá tamén a Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e Fornelos

Ponte Caldelas
05 de novembro 2020

A creación do GES da Lama, que debe ser ratificada por unha comisión de seguemento, permitirá segundo o goberno galego ofrecer unha mellor atención ás emerxencias que se produzan nestes catro municipios e reducir os tempos de resposta

Extinción dun dos incendios rexistrados en Cerdedo-Cotobade
Extinción dun dos incendios rexistrados en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

A Xunta de Galicia creará tres novos grupos de emerxencia supramunicipal (GES) para completar o mapa de emerxencias na provincia de Pontevedra. Un deles terá a súa base na Lama e atenderá tamén a Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes.

Esta decisión foi comunicada pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, na reunión da comisión de seguimento dos GES, onde están representadas a FEGAMP e as deputacións.

A creación do GES da Lama, que debe ser ratificada por esta comisión, permitirá segundo o goberno galego ofrecer unha mellor atención ás emerxencias que se produzan nestes catro municipios e reducir os tempos de resposta.

Os seis novos servizos que a Xunta prevé implantar en toda Galicia supoñerán un investimento de case 300.000 euros, cantidade á que se debería sumar as correspondentes achegas que realice a Deputación de Pontevedra ou os concellos beneficiarios.