O BNG propón activar en Moraña un programa para axudar a maiores que viven sós

Umia
29 de xaneiro 2020

Trátase de axudar a persoas maiores que residen soas no que precisen, axudando a paliar así posibles situacións de illamento, soidade, procesos depresivos ou outros contratempos puntuais

Persoa maior paseando pola rúa Imagen de cocoparisienne en Pixabay

O BNG vén de rexistrar unha moción presentando a iniciativa denominada como "Moraña Escoita", unha proposta de atención gratuita a persoas maiores que viven soas nos seus fogares e que complementa outros servizos existentes no municipio.

O responsable local do BNG, Rubén Fernández sinalou que o concello conta en 2020 con máis de mil veciños maiores de 65 anos cunha porcentaxe importante delas e deles que viven sós e que precisan, ademais dos recursos existentes, unha maior atención e dispoñibilidade dos recursos municipais para mellorar as súas condicións de vida.

Rubén Fernández asegura que a iniciativa está pensada para "previr situacións de illamento, soidade e risco para o benestar integral das persoas maiores que residen soas", pretendendo pois "encher un baleiro" naquelas casas nas que se detecte a necesidade de acompañar, comunicar, seguir e preguntar.

En resumo, trátase de axudar a persoas maiores que residen soas no que precisen, axudando a paliar así posibles situacións de illamento, soidade, procesos depresivos ou outros contratempos puntuais.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora