O BNG quere que a Xunta compre o Pazo de Montesacro para convertelo nunha residencia pública de maiores

O Salnés
02 de outubro 2023

A iniciativa do Bloque chega despois de coñecerse o anuncio da orde relixiosa das "Hermanitas de los Ancianos Desamparados", propietaria do Pazo de Montesacro, no que pon á venda este histórico inmoble adicado a asilo de anciáns

Pazo de Montesacro, asilo de Cambados
Pazo de Montesacro, asilo de Cambados / Concello de Cambados

O grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), quere que a Xunta merque o Pazo de Montesacro, en Cambados, para convertelo nunha residencia pública de maiores.

A iniciativa do Bloque chega despois de coñecerse o anuncio da orde relixiosa das "Hermanitas de los Ancianos Desamparados", propietaria do Pazo de Montesacro, no que pon á venda este histórico inmoble adicado a asilo de anciáns.

Os nacionalistas destacan que a comarca do Salnés ten unha poboación de arredor de 100.000 habitantes, sendo deficitaria en prazas residenciais para persoas maiores, "non existindo ningún centro de titularidade pública".

"O BNG comparte o sentir da veciñanza de Cambados, que considera que a venda do Pazo de Montesacro é unha oportunidade para que a Administración o adquira, e o mesmo pase a ser de titularidade pública, tanto polo seu valor patrimonial como para prestar atención residencial aos nosos maiores", afirma a formación nacionalista na súa iniciativa política.

Por esta razóns este grupo parlamentario presentará unha moción na que o BNG o Parlamento de Galicia inste ao Goberno galego a que inicie todas as accións para adquirir o Pazo de Montesacro, para destinalo a ese uso.