O BNG de Bueu apostará para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio nunha candidatura encabezada polo actual alcalde, Félix Juncal, coa que buscan reeditar a Alcaldía e lograr un "Bueu de excelencia".
A candidatura coa que Félix Juncal buscará revalidar unha nova maioría en Bueu mestura a experiencia na xestión con novas incorporacións de mulleres novas que achegan a súa implicación no tecido social da vila.
Así, as mulleres máis novas acapararán os primeiros postos da lista. Laura Ogando, que xa fora concelleira entre 2007 e 2015 irá no número 3; a xornalista de Beluso Carmen García ocupará o número 4 e a veciña de Ons e axente de viaxes Nérea Vidal entrará no número 10.
Para o número 2 da candidatura o BNG elixe ao actual concelleiro e ex deputado provincial Xosé Leal e o resto do Top 10 ocuparano os actuais concelleiros e concelleiras Martín Villanueva (número 5), Silvia Carballo (6), Ricardo Verde (7), Alberto Moital (número 8) e Julio Villanueva (9).
Esta candidatura pretende facer de Bueu unha vila cun selo de calidade propio con identidade, modernidade e futuro.
O actual alcalde e candidato Félix Juncal que no pasado mes de xuño anunciara que aspiraría a encabezar de novo a lista do BNG ve neste equipo "entusiasmo, empatía e inconformismo para acadar novos soños colectivos". Considera este equipo "un valor seguro para Bueu".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.