O bo tempo dispara as previsións máis optimistas de Pontedetapas

Pontevedra
02 de decembro 2014

Miles de persoas participaron, durante os primeiros catro días, na sétima edición do certame gastronómico Pontedetapas. Sen dúbida, o bo tempo que nos acompañou esta fin de semana animou pontevedreses e turistas a degustar algunha das propostas que ofrecen os 45 locais de hostalaría da cidade que participan no concurso

Primeira visita do xurado aos participantes en Pontedetapas
Primeira visita do xurado aos participantes en Pontedetapas / Mónica Patxot

Miles de persoas participaron, durante os primeiros catro días, na sétima edición do certame gastronómico Pontedetapas. Sen dúbida, o bo tempo que nos acompañou esta fin de semana animou pontevedreses e turistas a degustar algunha das propostas que ofrecen os 45 locais de hostalaría da cidade que participan no concurso.

A oferta gastronómica, que pode consultarse no sitio www.pontedetapas.eu, inclúe 30 tapas de cociña creativa, 16 tapas tradicionais e 12 cócteles. Algúns dos establecementos participantes ofrecen varias destas modalidades, e mesmo algúns, as tres.

Os prezos mantéñense invariables con respecto a outras edicións. Son de 1,50 euros para as tapas e de 2,50 euros para os cócteles.

O público que deguste as tapas volve ter á súa disposición as papeletas de votación para seleccionar ao local gañador da votación popular. Entre todos os votos se sortearán os habituais premios: un primeiro consistente nunha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas a unha capital europea e varios vales de compra no comercio local e na Praza de Abastos.

Ademais, este luns comezaron a visitar Pontevedra artistas, representantes de medios de comunicación, blogs e perfís en Internet para valorar as tapas a concurso. Os primeiros en facelo foron as actrices Mayka Braña, María Costas e Beatriz Campos, o xornalista Nico Campos e José Manuel García, director do programa Come e Fala de Radio Galega.