A Semana Santa xa encarou a segunda parte e fíxoo ao grande en Pontevedra. Este Xoves Santo, coincidindo co inicio do Triduo Pascual, a procesión dos Pasos encheu as rúas da cidade.
A cita sacou á rúa ás sete confrarías de Semana Santa de Pontevedra, converténdose, como cada ano, nunha das procesións máis espectaculares. O bo tempo animou aos pontevedreses para acompañar os confrades e no seu percorrido desde a Basílica de Santa María a Maior acompañounos unha multitude de devotos.
Percorreron as rúas da cidade o Paso da Última Cea, da Confraría da Maior Dor; o Paso da Oración de Xesús na Horta, da Confraría da nosa Señora do Amor Fermoso; o Paso de Xesús Cautivo e o Paso da Flaxelación de Xesús, da Confraría do Silencio; o Paso de Xesús atado á columna, da Confraría do Corpo Santo; o Paso da Coroación de espiñas, da Confraría do Espírito Santo; o Paso de Cristo coa Cruz ao lombo, da Confraría do noso Pai Jesús coa Cruz ao lombo; e o Paso da Virxe da Soidade, da Confraría da Vera-Cruz e Misericordia.
Desde a Basílica de Santa María, percorreu o centro histórico pasando pola Praza de España, Michelena, Paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Sarmiento, Real, Praza de Curros Enríquez, Manuel Quiroga, Don Filiberto e Alhóndiga, antes de regresar ao lugar de partida.
Durante este Venres Santo, a cita procesional será dobre. Pola mañá, ás 9.30 horas, dará comezo a procesión do Encontro, con saídas simultáneas desde as igrexas de San Bartolomé e Santa María para realizar o encontro na praza de Teucro, con sermón.
Pola tarde, ás 20.00 horas, sairá a procesión do Santo Enterro desde a basílica de Santa María.