O CAAN da Deputación terá o seu propio equipo de radiodiagnóstico veterinario

O Salnés
01 de marzo 2021

A Deputación de Pontevedra investirá 29.000 euros nun completo equipo de radiodiagnóstico veterinario para o CAAN. Esto suporá unha importante mellora no benestar dos animais coa axilización do diagnóstico das súas posibles lesións, así como un aforro nos custos xa que ata o momento se realizaba a través dun servizo externo  

Visita da presidenta Carmela Silva ás instalacións do CAAN
Visita da presidenta Carmela Silva ás instalacións do CAAN /

A Deputación de Pontevedra dotará ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) cun completo equipo de radiodiagnóstico veterinario.

Este investimento nas instalacións da Armenteira suporá unha importante mellora no benestar dos animais, coa axilización do diagnóstico das súas posibles lesións a través dun método complementario de gran valor clínico, xa que ata agora as radiografías que se necesitaban dos cans e cadelas tiñan que ser realizadas a través dun servizo externo

Deste xeito, a Deputación vai investir un orzamento de 29.000 euros na contratación do subministro, instalación e rexistro dun equipo de radioloxía de uso veterinario xa que, segundo o CAAN, é unha das técnicas diagnósticas non invasivas que maior información aporta sobre o estado dos animais.

Ata o momento, a valoración de posibles fracturas de animais ingresados no CAAN supoñía o traslado destes a un centro veterinario, o que implicaba tanto un custe económico como un retraso na obtención dun diagnóstico e no inicio dun tratamento.

De aí a necesidade, segundo a institución provincial, de que o CAAN conte co seu propio equipo de radioloxía para garantir deste xeito o benestar animal, coa realización das probas diagnósticas necesarias dende o primeiro momento.