O campo da Xunqueira será renovado de forma integral

Pontevedra
06 de xuño 2016

Foi o primeiro campo de herba sintética que tivo o Concello de Pontevedra. Inaugurouse en 1999 e aínda que foi remodelado seis anos despois, o seu estado non é todo o óptimo que debería ser. Por iso, o goberno municipal decidiu afrontar unha renovación integral das instalacións da Xunqueira, nas que se prevé investir 363.000 euros

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira

Foi o primeiro campo de herba sintética que tivo o Concello de Pontevedra. Inaugurouse en 1999 e aínda que foi remodelado seis anos despois, o seu estado non é todo o óptimo que debería ser. Por iso, o goberno municipal decidiu afrontar unha renovación integral das instalacións da Xunqueira, nas que se prevé investir 363.000 euros.

As obras terán un prazo de execución de dous meses, de forma que a previsión que se manexa é que estean terminadas a tempo para o inicio da próxima tempada deportiva.

Segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, estes traballos de renovación do campo non se limitarán a substituír o céspede, que pasará a ser del última xeración, senón que se retocarán todas as instalacións.

Así, acometerase o pavimento da beirarrúa perimetral, o reforzo da estrutura de formigón, a substitución das porterías e dos bancos, a instalación dun canón de rego novo ou a mellora da iluminación das bancadas.

O campo será homologado tamén co nivel FIFA-Quality, o que permitirá que se poidan celebrar nel competicións internacionais.

INICIO DAS OBRAS DO PAVILLÓN

Ademais, este luns iniciáronse as obras para a renovación da cuberta do Pavillón dos Deportes. Xa non se poderá aparcar no fondo e no lateral esquerdo, espazos que necesitará a empresa para instalar un gran guindastre que permitirá retirar o tellado actual e colocar a nova estrutura, que está a ser construída nestes momentos.

Nas próximas horas cubrirase a pista do pavillón para que non sufra danos nestas obras e procederase a afrontar unha das melloras previstas neste contrato, a limpeza e o pintado das cerchas de toda a estrutura das instalacións. 

Dentro dunhas cinco semanas comezará o desmontado da cuberta. A partir desa data tamén quedarán inutilizados os ximnasios do pavillón. O Concello calcula que as obras concluirán nas primeiras semanas de setembro.