O campo de fútbol de Marcón acollerá unha proba do campionato de España de Agility

Pontevedra
08 de outubro 2020

O evento celebrarase os días 17 e 18 de outubro e contará coa participación de preto de 80 cans procedentes de Asturias, Portugal e Galicia

Proba de Agility celebrada no Recinto Feiral de Pontevedra
Proba de Agility celebrada no Recinto Feiral de Pontevedra

O campo de fútbol de Marcón acollerá os días 17 e 18 de outubro unha proba puntuable para o campionato de España de Agility. Uns 80 cans procedentes de Galicia, Asturias e Portugal, entre eles campións nacionais, competirán nunhas xornadas organizadas polo Club de Agility Patas en colaboración coa Sociedade Canina Galega e as concellerías de Promoción Económica e Benestar Animal.

O inicio do evento está previsto para o día 17 a partir das 16 horas coa disputa das primeiras mangas das modalidades de agility e jumping para os cans das categorías Grao 1, 2 e 3. A cita concluirá o domingo pola mañá.

"Eu asistín o ano pasado por primeira vez a unha competición deste tipo e podo dicir que é absolutamente trepidante, unha marabilla", recoñeceu a edila Yoya Blanco despois de explicar en que consiste este deporte no que un guia mostra ao seu can o camiño para seguir para superar os obstáculos no menor tempo posible.

"Un dos beneficios do agility está en aumentar a obediencia do can e incrementar a boa relación e o vínculo afectivo entre mascota e propietario. En Pontevedra hai varios clubs que participan en diferentes competicións”, remata Blanco.