Os cans máis áxiles do noroeste da península volverán exhibir as súas habilidades no campo de fútbol de Marcón os días 14 e 15 de novembro nunha nova proba de Agility puntuable para o campionato de España desta especialidade.
Despois do éxito do evento celebrado no mesmo escenario os días 17 e 18 de outubro, o Club Agility Patas e a Sociedade Canina Galega volverán organizar esta competición co apoio da Concellería de Promoción Económica.
A proba de Agility terá como xuíz principal a Juan Antonio Lazó e dará comezo ás 16 horas do sábado con dúas mangas de Agility e unha de Jumping. Ao día seguinte, en quenda de mañá volverá repetir o mesmo programa.
O prazo de inscrición manterase aberto ata as 13 horas do 11 de novembro cun máximo de 100 cans, entre os que se espera contar coa presenza dalgúns campións nacionais.