Algo máis de 451.000 euros será o custo final da modernización integral do campo de fútbol de Mirallos, en Moraña. Os traballos teñen un prazo de execución de oito meses, polo que se agarda que estean rematados no primeiro semestre de 2022.
O delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, que visitou as instalacións acompañado do alcalde Moraña, José Cela, explicou que esta actuación tivo que adiarse un ano, tras o primeiro proceso de contratación, por cuestións empresariais.
"O noso compromiso cos equipamentos de Moraña é indiscutible e a actuación máis que necesaria, polo que insistimos para que o municipio poida ver renovada esta instalación tan empregada", explicou o delegado do goberno autonómico.
O proxecto consiste na reforma da bancada, reducindo os chanzos e dotándoa de máis volume para acadar unha maior sensación de estadio ao tempo que se habilitan 300 prazas cos seus correspondentes asentos, e na modernización integral dos vestiarios.
Ademais, dotarase ao campo dun novo sistema de rego con seis canóns emerxentes, rede de distribución, arquetas, un tanque soterrado con capacidade para 20.000 litros, grupo de presión e instalación eléctrica.
Todo elo completarase coa urbanización das zonas anexas á bancada e ao acceso existente a través de soleiras de formigón e espazos axardinados.
Así mesmo, vaise construír un edificio auxiliar que disporá dun novo ximnasio municipal, con 125 metros cadrados na planta baixa, e unha cafetería acristalada, dende a que se poderán ver os encontros, no primeiro andar.
Esta mellora executarase a través dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, que aporta o 70% da financiación, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Moraña.