O campus universitario volve ás clases no medio dun cribado con escasa participación

Pontevedra
01 de marzo 2021

Dos 3.400 estudantes do campus, 800 estaban citados na mañá deste luns na facultade de Ciencias de Educación para realizar un cribado e tan só 300 asistiron. Esta escasa asistencia esperta as críticas dalgúns estudantes: "si nos ponemos a pedir derechos y que no criminalicen a la juventud, esta actitud pasota no nos viene bien"

Profesionais sanitarios realizando cribados
Profesionais sanitarios realizando cribados / Mónica Patxot

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, como toda a actividade universitaria galega, volveu este luns ás clases presenciais. É un mes máis tarde do calendario académico programado por mor das restricións derivadas da pandemia da covid-19 e, para garantir que o resto do curso poida continuar con seguridade, toda a poboación estudantil está chamada estes días a un cribado masivo. As probas, nembargantes, están a ter en Pontevedra moi pouca participación. 

Aínda non hai un balance oficial nin de participación nin do resultado das probas, pero as cifras deste luns xa amosan que, en xeral, a participación está a ser baixa. Dos 3.400 estudantes do campus pontevedrés, 800 estaban citados na mañá deste luns na facultade de Ciencias de Educación e do Deporte para realizar un cribado e tan só 300 asistiron

Esta escasa asistencia non sentou ben entre o estudantado que si que cre necesarias as probas. É o caso dun grupo de alumnos de último curso de Ciencias Sociais que estes días están en período de prácticas e non teñen clase presencial, pero acudiron ao campus para realizar a fotografía para a orla. "Me parece fatal que haya poca participación", valorou unha delas

Outra lembra que é "necesario" para poder retomar as clases con normalidade, pero tamén para demostrar a súa responsabilidade, pois "si nos podemos a pedir derechos y que no nos criminalicen a la juventud, esta actitud pasota no nos viene bien"

Este grupo de alumnos e alumnas critica que se culpabilice á xente nova do incremento dos contaxios e dunha actitud pouco responsable, pero tamén recoñece que se o resto dos compañeiros non se están a presentar aos cribados "parece que el problema somos nosotros". Outra estudante engade que "todos queremos salir de fiesta, todos queremos ir a tomar algo y, cuantos más participemos, antes podremos hacerlo"

Ao tempo que critican que é "muy desconsiderado" que o estudantado non participe no cribado "en la situación en la que estamos", tamén quixeron animar a todos eses alumnos a que se sometan as probas.

En Pontevedra, o cribado continuará ata o mércores en horario de 09.00 a 21.00 horas na facultade de Ciencias de Educación e do Deporte. En total, está convocados polo Sergas arredor de 3.400 estudantes. As probas son por vía nasofarínxea e o resultado obtense nuns 15 minutos. Tamén o profesorado e resto de persoal non docente está citado para estas probas.  

O regreso ás aulas non foi uniforme en todos os centros do campus pontevedrés. Tal e como explicou o vicerreitor, Jorge Soto, na Radio Galega, nas facultades de Belas Artes e Forestais as clases están a ser todas presenciais, en Ciencias Sociais e da Comunicación teñen clases presenciais en semanas alternas e o resto son en liña, en Fisioterapia é tamén unha actividade académica mixta e en Ciencias da Educación e do Deporte as clases teóricas son todas virtuais e tan só as prácticas son presenciais. 

A  primeira xornada deste regreso ás aulas foi, segundo Soto, "ben", "tranquila" e confía en que a participación do cribado aumente. Anima ao alumnado a que participe nas probas, que son voluntarias porque "é importante para saber onde estamos e cara onde queremos ir". 

De momento, en toda Universidade de Vigo, tan só a Facultade de Fisioterapia do campus pontevedrés solicitou facer un cambio no calendario do curso para poder readaptar horarios e recuperar as clases prácticas presenciais que non se puideron realizar durante estas semanas.