Sanidade convoca a un cribado á poboación de Vilanova de Arousa de 50 a 64 anos

O Salnés
02 de marzo 2021

O pavillón municipal de Vilanova de Arousa acollerá a partir deste mércores e durante tres días un cribado a través de PCR convencional cara a detectar o maior número posible de pacientes asintomáticos. Confían en que "permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus nesta localidade arousá". Este martes ten 39 casos activos

Realización de test PCR
Realización de test PCR / Mónica Patxot

A elevada taxa de contaxios de covid-19 rexistrada en Vianova de Arousa, onde este martes hai 39 casos activos, leva á Consellería de Sanidade a organizar probas masivas. O pavillón municipal de Vilanova de Arousa acollerá a partir deste mércores e durante tres días un cribado a través de PCR convencional cara a detectar o maior número posible de pacientes asintomáticos. 

Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, o cribado realizarase entre a mañá do mércores 2 e a tarde do venres 5 de marzo e confían en que "permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus nesta localidade arousá".

Sanidade vai convocar, gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación de Vilanova de Arousa de entre 50 a 64 anos de idade con tarxeta sanitaria activa nos centros de saúde deste concello, colectivo que nesta localidade acada as 1.734 persoas.

O Sergas mobilizará dous equipos de enfermaría en cada quenda, efectuando tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras nasofarínxeas e achegando información aos usuarios. 

Aqueles pacientes que teñan un resultado negativo recibirán a comunicación vía SMS e os positivos notificaranse contactando directamente vía telefónica con cada persoa. 

Durante o pasado mes de febreiro, a área sanitaria de Pontevedra e o Salnés efectuou un total de 44.591 convocatorias preventivas para a detección da covid-19 entre a cidadanía. Estes cribados efectuáronse tanto con test de antíxenos coma con PCR  en mostras de saliva e PCR en mostras nasofarínxeas.

Asistiron finalmente un total de 31.445 persoas, o que representa unha porcentaxe do 70,5 por cento de presencia nas diversas probas para a detección do coronavirus.

O Sergas realizou 2.147 probas nas residencias sociosanitarias, 2.259 probas nos centros educativos, 4.351 en empresas e outros colectivos e 22.688 de forma xeran el concellos. Estas 31.445 probas permitiron detectar un total de 81 positivos

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora