O candidato do PP de Poio pacta unha colaboración con Pescamar para crear a piscina da Reiboa

Poio
06 de maio 2019

Nos encontros con Lupe Murillo, xerente de Pescamar e parlamentaria popular, Ángel Moldes comprobou que a conserveira utiliza vapores que poden reducir o custo do mantemento da instalación deportiva como xa fai a propia empresa para reutilizalos como calefacción de toda a fábrica

O candidato do PP á alcaldía, Ángel Moldes e Lupe Murillo, xerente de Pescamar
O candidato do PP á alcaldía, Ángel Moldes e Lupe Murillo, xerente de Pescamar / Partido Popular

Ángel Moldes, candidato á alcaldía de Poio polo Partido Popular chegou a un acordo de colaboración coa xerente do Grupo Pescamar, Lupe Murillo, para aproveitar os recursos da fábrica de conservas para acometer a creación dunha piscina no proxecto deportivo da Reiboa, que promove o PP.

Nos encontros coa xerente e parlamentaria popular, Moldes comprobou que Pescamar utiliza vapores que poden reducir o custo do mantemento da instalación deportiva como xa fai a propia empresa para reutilizalos como calefacción de toda a fábrica.

A idea do candidato popular é aproveitar o ximnasio que xa se atopa na Seca e concentrar as instalacións deportivas na mesma contorna e situalas nun lugar central para o Concello de Poio.

Sinala que este proxecto é totalmente realista e executable durante o vindeiro mandato. A súa proposta iniciaríase coa aprobación do proxecto e a adaptación urbanística de toda a contorna. Neste sentido, critica que durante a última década o goberno do BNG e do PSOE non adaptara o PXOM e, por este motivo, a súa idea céntrase en aprobar un Plan Especial de Usos que acurtaría os prazos para a creación do complexo deportivo.

Moldes pretende involucrar a todas as administracións para a financiación do proxecto. Realizaríase unha construción por fases. A primeira sería a de acometer a obra do Pavillón e, a continuación, remodelaríase o ximnasio e construiríase a piscina. Todo o espazo complementaríase cun parque infantil.