O Carlos Oroza abre o camiño para recuperar a "esencia" do gastromercado

Pontevedra
14 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Para a edil de Promoción económica, Anabel Gulías, esta experiencia "está sendo brutal" e a disposición de todos os implicados "é óptima". Demostra que "hai canteira" para a restauración en Pontevedra e que este espazo gastronómico "funciona"

Actividades do Carlos Oroza no gastromercado Mónica Patxot

Despois de case un mes no gastromercado, os responsables do Carlos Oroza non poden estar máis satisfeitos das actividades que están a desenvolver neste espazo.

"Comezamos en precario, pero xa coñecemos o campo de xogo", asegura o profesor Ricardo Fernández, que supervisa as prácticas que realiza o alumnado de forma periódica. 

Desde o primeiro día "xa vimos que ía moi ben", afirma o docente, que considera que a experiencia "está sendo moi boa" para os estudantes. "Están encantados", destaca o titor sobre unha actividade que "imos mellorando día a día a base de proba e erro".

Ata 35 comensais déronse cita este mércores na praza de abastos para probar o menú deseñado por 'Morriña da Terra', un dos grupos do Carlos Oroza que están a empregar o gastromercado para realizar as súas prácticas de cociña e restauración.

A diferenza doutros compañeiros, non optaron por un menú degustación senón por traballar con carta, o que segundo Ricardo Fernández "é máis díficil para eles".

A súa aposta foi a cociña tradicional galega, preparando desde croquetas de lacón ou cocido, a tortillas, tostas de polbo, empanada de bonito, cocido, raxo con patacas, vieiras ou robaliza ao forno. Fano todo sós porque os profesores "non intervimos, deixámolos ir".

"Este é o mellor modelo para que aprendan. Aquí tropezan. Non lles quitamos as pedras do camiño", sostén Fernández, de forma que "haberá erros pero se darán conta".

Este paso intermedio entre a escola e as prácticas que logo farán en empresas do sector "é un paso que está moi ben", sinala este profesor do Carlos Oroza, unha escola que "é a envexa doutros centros" por este tipo de iniciativas.

Para a edil de Promoción económica, Anabel Gulías, esta experiencia "está sendo brutal" e a disposición de todos os implicados "é óptima". Demostra que "hai canteira" para a restauración en Pontevedra e que este espazo gastronómico "funciona".

"Hai que dotalo de actividade porque cando o fas funciona", subliñou Gulías, que celebra que esta actividade xere ademais "comunidade" co resto do mercado, porque "esa era a súa esencia", un espírito que se quere recuperar aos poucos.