O CEIP Barcelos contará o vindeiro curso con 20 alumnos de 3 anos

Pontevedra
02 de xullo 2015

O colexio quedará con esta clase despois de que a comisión de escolarización mantivese unha xuntanza este xoves 2 para avaliar as segundas opcións de centros educativos escollidas polos pais
 

CEIP Barcelos Mónica Patxot

A Comisión de Escolarización da Xefatura Territorial de Cultura e Educación de Pontevedra resolveu este xoves a situación dos 88 nenos que quedaran sen praza no centro educativo da súa primeira opción para o curso 2015/16.

Segundo o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, case o 90% dos alumnos de 3 anos que comezaron os seus estudos en Infantil conseguiron escolarizarse no centro escollido en primeiro lugar polas súas familias.

O CEIP Barcelos no que os pais manifestaron a súa preocupación pola eliminación dunha das clases destinadas a nenos de 3 anos contará con 20 alumnos para o próximo curso en 4º de Infantil, á espera de que poida completarse con algún escolar máis procedente das familias que aínda non elixiron centro.

Neste sentido, dos 88 menores que tiveron que ser asignados a un centro educativo só 10 terán que escoller un dos 18 colexios de Pontevedra que aínda contan con prazas para cuarto de Infantil ao non ter presentado unha opción válida na súa solicitude inicial ou ao ter pedido unha praza fóra da data establecida. Desta forma, os centros pontevedreses aínda ofertan 144 prazas vacantes para nenos de 3 anos.

No CEIP Froebel quedan dúas prazas vacantes e 11 no Vidal Portela. Tamén se manteñen incompletas as gardarías dos colexios da Xunqueira e os concertados das Doroteas e San José, ademais de en varios centros das parroquias, segundo informa a Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra.