O CEMMA alerta da alta mortalidade de arroaces nas Rías Baixas

Pontevedra
04 de xaneiro 2019

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) asegura que 2018 foi un mal ano para a poboación de arroaces nas Rías Baixas, con máis falecementos que nacementos de novas crías, sendo a captura accidental a maior causa de mortaldade

Exemplares de arroaz nas Rías Baixas
Exemplares de arroaz nas Rías Baixas / CEMMA

A poboación de arroaces non está considerada en risco nas Rías Baixas, de momento. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) alertou este venres da situación que vive este especie mariña no sur de Galicia tras un "mal ano" 2018.

Segundo o CEMMA, durante os últimos 12 meses producíronse máis mortes de arroaces que nacementos ante o incremento no número de exemplares que son atopados varados nas praias ou outras zonas de costa, unha situación que "é máis grave ao aumentar os casos de mortalidade infantil e de femias adultas".

Explica a coordinadora que os datos obtidos a través dun seguimento coas súas embarcacións, durante 2018 naceron nove arroaces nas rías, pero catro deles morreron nos primeiros meses de vida. Ademais rexistrouse o falecemento de ata 14 exemplares xuvenís e adultos na zona.

A captura accidental segue sendo a principal causa de morte e de exemplares varados con máis do 50% dos casos examinados, seguido da mortalidade infantil cun 22% e de enfermidades patolóxicas nun 10% dos casos.

Non foi o primeiro ano con crecemento negativo, polo que a pesar de non estar en risco esta situación "pode converterse nunha serie ameaza", aseguran desde o centro de estudo mariño.