O Centro de Acollida de Animais da Deputación incorpora novos equipos de radiodiagnóstico

O Salnés
27 de maio 2021

O centro de acollida mantén a excepcional racha de adopcións con 285 animais que atoparon un fogar no que vai de ano, máis do dobre que no mesmo período de 2020 que fora ano récord en toda a historia do centro

Visita de Carmela Silva ao Centro de Acollida de Animais da Deputación
Visita de Carmela Silva ao Centro de Acollida de Animais da Deputación / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) é "unha referencia a nivel do Estado en benestar animal, que é a súa sinal de identidade".

A presidenta provincial visitou este xoves o centro dependente da Deputación para coñecer o novo equipo de radiodiagnóstico veterinario co que a institución acaba de dotar ao centro, que se converte, como subliñou a presidenta, "no único que ten un equipamento tan avanzado".

Carmela Silva amosou, xunto ao persoal do centro encabezado polo veterinario xefe, José Luis Pedreira, e o deputado provincial Manuel González, os novos equipos cos que se axilizará e mellorará amplamente o diagnóstico e os tratamentos dos animais do CAAN.

Ademáis da sustentabilidade do equipamento, que reduce os residuos contaminantes, José Luis Pedreira destacou que o equipo dixital "permite complementar en calidade o diagnóstico en imaxe". Hai que lembrar que nas obras de mellora que realizou o pasado ano a Deputación incluíse a reforma da sala de clínica, coa creación dun novo quirófano e unha sala de raios X que é a que agora se completa cos novos equipos.

EXCEPCIONAL RITMO DE ADOPCIÓNS

Carmela Silva destacou na súa visita o traballo "e compromiso" que está a realizar o persoal do CAAN e que avalan tamén "as boas novas" sobre adopcións que leva o centro de novo este ano. Así, desde xaneiro e ata o 23 de maio saíron cara a un novo fogar 285 cans, unha cifra "espectacular" que supón máis do dobre que as do mesmo período do 2020 (133) e tendo en conta que precisamente o pasado ano se acadou o récord de adopcións no centro, con 583.

E aínda que a tendencia é descendente seguen a producirse abandonos de cans. Ata o 23 de maio lévanse 426, 13 menos que o ano pasado neste mesmo período.

Carmela Silva fixo un chamamento a cidadanía "non abandonen animais, é unha mala praxe como xénero humano. E veñan ao CAAN e adopten. E temos un reto como provincia, temos que adoptar a estes cans e cadelas que son máis maiores ou levan moito tempo aquí. Aínda que teñan o mellor trato, están mellor nun fogar".

Hai que lembrar que as adopcións no CAAN son gratuítas e os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados. O persoal asesora ás persoas sobre o can que pode adaptarse mellor ás súas necesidades.

Para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360 ou no 886 217 391.