O centro de día de Sanxenxo estrea unha profunda reforma interior

Sanxenxo
10 de abril 2018

Sanxenxo deu por finalizada a reforma interior do centro de día de Sanxenxo. O goberno municipal investiu 82.000 euros na mellora dunhas instalacións que están a piques de cumprir os quince anos

Centro de día de Sanxenxo
Centro de día de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo deu por finalizada a reforma interior do centro de día de Sanxenxo. O goberno municipal investiu 82.000 euros na mellora dunhas instalacións que están a piques de cumprir os quince anos.

O uso e o paso do tempo provocaran que parte da infraestrutura necesitase unha actuación de acondicionamento, mellora e renovación. 

Nesta primeira fase, 58.000 euros destináronse á renovación do chan da terraza exterior para evitar filtracións, ao acondicionamento de aseo para persoas con mobilidade reducida, ao reforzo de tabiques, cambios no pavimento ou a colocación de vinilo no acceso ao edificio para maior privacidade dos usuarios e mellor iluminación da zona. 

Tamén se engadiu protección solar en xanelas con estores, realizouse o pintado do interior do edificio e recubriuse todo o chan en linóleo para unha maior hixiene e seguridade de usuarios e traballadores. 

Os 24.000 euros restantes foron para un novo sistema de protección contra incendios, melloras na ventilación, reparacións de caldeiras, bomba de calor e depósito de gasoil e melloras na extracción de gases e cheiros. 

A segunda fase de obras ten un orzamento de 70.000 euros e centrarase no exterior do inmoble.

Cambiarase a fachada do edificio para un maior illamento do frío, calor e a auga, instalarase unha pérgola que resgarde os usuarios nas entradas e saídas ao centro e outra pérgola nunha terraza interior para resgardar do sol e da choiva aos usuarios e poder aproveitar moito máis ese espazo e acondicionaranse os xardíns.

O centro de día de Sanxenxo é o único de titularidade municipal de Galicia e ten un custo anual de 396.000 euros, dos cales 206.000 euros achégaos o Concello. Os outros 190.000 euros proceden das cotas que pagan os usuarios. 

Nestes momentos, dá servizo a 64 veciños, dos cales 42 pagan menos 187 euros ao mes por este servizo.