O Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor volve recibir visitas este sábado

Marín
12 de xuño 2020

O centro cumpre con todas as medidas de seguridade e é obrigatorio o uso de máscara por parte dos visitantes, que deben reservar praza e os grupos non poderán exceder as 10 persoas

Centro de Interpretación de Petroglifos de Mogor
Centro de Interpretación de Petroglifos de Mogor / Concello de Marín

O Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor abrirá as súas portas este sábado, pero haberá modificacións no funcionamento habitual deste lugar para cumprir coas normas da  desescalada.

O horario de apertura do centro, que permanecerá activo ata o 13 de setembro, será de 11.30 a 13.30 horas e de 18 a 21 horas de martes a domingo. 

Estarán permitidas as visitas en grupo sempre que haxa reserva previa un máximo de dez participantes. Ademais desenvolverase exclusivamente no exterior do centro, nas rocas con mostras de arte rupestre. O horario para estas actividades será ás 12.30 ou 20 horas e terán unha duración de 30 minutos. Tamén se manterán os roteiros nocturnos que terán lugar cada dous venres ás 22.30 horas.

Antes desta reapertura, realizouse unha desinfección do complexo e instaláronse biombos no mostrador para atender aos visitantes. O público terá que facer uso obrigatorio de máscara nas visitas.

A reserva poderá tramitarse a través do correo electrónico [email protected] ou entre martes e xoves no teléfono 647 368 939.