O CIP de Mogor mantén a súa oferta diúrna e nocturna, con grupos reducidos, en agosto

Marín
30 de xullo 2020

É unha das ofertas turísticas que mantén o Concello de Marín e que permiten coñecer o Centro de Interpretación ou realizar visitas guiadas 

Centro de Interpretación de Petroglifos de Mogor
Centro de Interpretación de Petroglifos de Mogor / Concello de Marín

O Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor continuará ofrecendo durante o mes de agosto as súas visitas guiadas diúrnas e nocturnas. Trátase dunha das ofertas turísticas do Concello de Marín, de pequeno formato e en espazos naturais, ás que se suma o lago de Castiñeiras, a Finca de Briz ou os roteiros de sendeirismo.

En canto ao CIP, as visitas continúan este verán adaptadas ás condicións que impón a situación sanitaria provocada pola COVID19, de forma que ao interior do centro non pode acceder máis de cinco persoas e non é necesario reserva previa. Pódese visitar de martes a domingo en horarios de 11:30 a 13:30 horas e de 18:00 a 21:00 horas.

Si hai que realizar reserva para facer os roteiros guiados. Neste caso os grupos son dun máximo de dez persoas. O horario das mesmas é ás 12.30 e ás 20.00 horas. No caso das visitas nocturnas, estas fanse unicamente os venres ás 22.30 horas. Trátase dunha oportunidade excelente para ver os gravados do labirinto, que poden resultar imperceptibles en condicións normais de luz.

As reservas pódense formalizar na seguinte dirección: [email protected]. O horario de verán do CIP prolongarase ata o 13 de setembro.