O centro de saúde de Dena conservará o seu pediatra

O Salnés
25 de xaneiro 2021

Unha reunión entre o alcalde e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés serviu para conseguir o compromiso do Sergas de manter a atención infantil no municipio

Concentración para reclamar persoal para o Centro de Saúde de Meaño
Concentración para reclamar persoal para o Centro de Saúde de Meaño / Concello de Meaño

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmou ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, que a praza de pediatría que este municipio comparte con Meis "non se amortizará", aínda que o dirixente lembrou as dificultades do Sergas para cubrir estas vacantes pola falta de especialistas.

“A atención pediátrica en Baltar é algo provisional e non aceptamos que sexa doutro xeito”, explica Carlos Viéitez, que pediu ao xerente levar a cabo unha mellora de toda a atención primaria no municipio tan pronto como se supere a crise da covid-19.

Ademais do pediatra, Meaño reclama a substitución do médico de familia no centro de saúde de Meaño.

"É prioritario que á consellería lle quede claro que a veciñanza de Meaño non está disposta a renunciar ao que por dereito lle corresponde. E confío en que tanto os grupos da oposición como os diferentes colectivos sociais e veciñais entendan que esto so o imos a conseguir traballando de xeito conxunto, como se fixo na concentración simbólica que xa realizamos ou coa aprobación dunha moción aprobada por unanimidade por todos os grupos da corporación", lembrou o rexedor.