A alcaldesa de Marín, María Ramallo, analizou este xoves a situación sanitaria no municipio defendendo que actualmente todas as prazas de médico de familia están cubertas.
"Entre os centros de saúde de Marín e Seixo temos 16 médicos de familia, 4 pediatras, 19 persoas en Enfermaría, 4 auxiliares, 2 matronas, 8 persoas na área administrativa, 1 odontólogo, 1 hixienista, 1 traballador social, 2 fisioterapeutas e 1 nutricionista, este última compartida con Bueu", explicou a rexedora.
"Non temos vacantes", sinala Ramallo explicando que destas prazas dúas correspóndense a baixas de longa duración que se están a cubrir cunha substitución e con prolongacións de xornada.
En total o equipo humano que atende as necesidades médicas dos marinenses é de 59 persoas, persoal ao que se sumou no mes de xaneiro unha nova figura, a de psicólogo clínico, convertindo ao centro de saúde de Marín "no único en toda a área sanitaria xunto co Virxe Peregrina de Pontevedra no que se presta este servizo", defendeu a alcaldesa.
No que afecta ás catro prazas de pediatría, existen dúas vacantes desde hai uns meses "debido a un concurso de traslados". Neste sentido segundo a alcaldesa o obxectivo é cubrir canto antes estas prazas "pero de momento non hai pediatras dispoñibles nas listas de contratación".
María Ramallo referiuse ademais á situación das urxencias do Punto de Atención Continuada (PAC): "Todos entendemos que os picos de ingresos ou de infeccións respiratorias, por exemplo, como as que se puideron vivir nos peores momentos do inverno, tensionan as urxencias. Pero non é verdade que non tiveramos médico. Desde o 10 de febreiro do ano pasado están todas as prazas do PAC cubertas e nunca quedou este servizo desatendido", afirmou a alcaldesa.
Por último Ramallo defendeu que, a pesar de aspectos a mellorar, "se facemos un repaso dos últimos anos creo que é de xustiza recoñecer todo o que melloramos en Marín", en especial en referencia á construción do novo centro de saúde.