135 metros cadrados situados no seu soto. É o espazo que ocupa a nova unidade de fisioterapia que o Servizo Galego de Saúde estreou no centro de saúde Virxe Peregrina.
Para acondicionar esta unidade, que comezou a funcionar este luns para reforzar á que xa prestaba servizo neste ambulatorio, investíronse máis de 170.000 euros.
Esta unidade conta cunha distribución que inclúe unha sala de exercicios físicos e tratamentos, catro cabinas específicas para aplicar técnicas de fisioterapia, un despacho para os profesionais desta especialidade asistencial, sala de espera e vestiarios con aseos.
A nova unidade de Fisioterapia de Atención Primaria no centro de saúde de Virxe Peregrina conta cun cadro profesional de tres fisioterapeutas.
Ten ademais o material necesario para tratamentos orientados á promoción do exercicio físico, as intervencións comunitarias e diversos programas de orientación ao exercicio activo.