Cinco concellos da área de Pontevedra e O Salnés, Caldas de Reis, O Grove, Poio, Barro e Meis, son os destinatarios das cartas que vén de remitir o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. A todos eles pídelles os terreos necesarios para construír novos centros de saúde.
Estes cinco municipios están incluídos nas dúas primeiras fases do plan de infraestruturas sanitarias de Atención Primaria, que foi aprobado a semana pasada pola Xunta de Galicia.
Nas misivas, Sanidade solicita a pronta achega dunha parcela viable para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento do novo centro.
A Xunta ofrece aos representantes municipais a colaboración do persoal técnico dos servizos de obras do Servizo Galego de Saúde para localizar o terreo axeitado, coa total disposición para visitar e avaliar as parcelas e determinar se teñen as necesidades técnicas requiridas.
Para facilitar a localización das parcelas, o conselleiro indicou a cada concello os metros cadrados de edificabilidade necesarios para o centro proxectado para o seu municipio.