O Centro Terapéutico de Briz reabrirá as súas portas o luns da próxima semana. Así o anunciaron a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e o presidente de Afapo, Jose Manuel Fontenla, que visitaron de novo as instalacións nas que se celebran as sesións terapéuticas para os usuarios.
Tanto o Concello como a asociación coinciden na necesidade de que este servizo, "que é esencial", volva estar activo de xeito presencial para os usuarios, tendo en conta o enorme beneficio que ten para eles no traballo da súa capacidade cognitiva.
Para poder retomar a actividade coas máximas garantías de seguridade, decidiuse que o grupo que antes acudía dúas veces á semana se subdivida en dous grupos que irán unicamente un día á semana.
"En cada un destes grupos haberá 7 usuarios, nun caso, e 6 noutro, polo que non temos problema para manter as distancias na sala, que xa vimos de acondicionar para que os usuarios poidan estar no centro de xeito seguro", asegurou a concelleira Marián Sanmartín. Os grupos repartiranse en luns e mércores, cun horario de 10,00 a 13,00 horas.
"Ademais, deste xeito poderá ofrecerse unha atención máis personalizada", avanzou Sanmartín, que coincide con Afapo na elevada afectación que tivo para estas persoas toda a situación sanitaria que vivimos, especialmente na época do confinamento.
Así a todo, e tal e como se informou no confinamento, os usuarios do Centro Terapéutico estiveron atendidos en todo momento de xeito telemático. Desde a asociación, deseñáronse actividades para que os usuarios puideran realizar nos seus domicilios, cun material que se lles fixo chegar coa colaboración do Concello de Marín.
Ademais, o equipo de Afapo realizou de maneira telefónica un seguemento proactivo dos casos de maior vulnerabilidade, ofrecendo tamén un servizo de atención psicolóxica ás familias nos casos que foi necesario.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.