O ceo respecta e a Semana Santa continúa coa procesión do Cristo das Caídas

Pontevedra
16 de abril 2019

A Confraría da Vera Cruz foi a protagonista deste luns de Semana Santa cunha procesión que puido celebrarse grazas á cesión da imaxe por parte do Convento de San Francisco de Cambados

Procesión do Cristo das Caídas en Pontevedra
Procesión do Cristo das Caídas en Pontevedra / Diego Torrado

As previsións meteorolóxicas non eran boas, pero o ceo respectou e a Semana Santa Pontevedra puido levar a cabo os actos programados para o luns sen maior complicación.

Iso permitiu á Confraría da Vera Cruz ser a protagonista coa procesión do Cristo das Caídas, acompañada de representacións do resto de confrarías.

A marcha foi posible grazas á cesión da imaxe do nazareno por parte do Convento de San Francisco de Cambados, tendo en conta que ata agora utilizaban a de Santa Clara, en Pontevedra, pechada na actualidade.

A procesión, que representa as tres caídas que sofre Xesucristo no seu camiño cara ao Calvario, saíu desde a igrexa de San Bartolomé para percorrer as rúas Sarmiento, Pasantería, Paseo Antonio Odriozola, Ferrería, Soportais, Manuel Quiroga, Don Filiberto, Tetúan, Dona Teresa, Rúa Alta, Isabel II, Praza Méndez Núñez e Sarmiento.

Os actos de Semana Santa en Pontevedra terán continuidade este martes 16 de abril coa Procesión de Jesús Nazareno e María Santísima da Esperanza, da Confraría do noso Pai Jesús do Silencio con acompañamento da Confraría da Maior Dor, con saída ás 21:00 horas desde a igrexa de San Bartolomé.