O CHOP realizou nove transplantes de medula ósea durante 2015

Pontevedra
28 de marzo 2016

No conxunto dos hospitais de Galicia realizáronse 181 transplantes de medula ósea durante 2015. O número de doazóns de medula ósea creceu un 32% na Comunidade o ano pasado, pero aínda está por baixo da media nacional

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

O número de transplantes de medula ósea realizados en Galicia no ano 2015 ascendeu a 181, segundo informou este luns a Consellería de Sanidade, que cifra en preto de 2.600 os transplantes realizados desde o ano 1998, o 99 por cento a partir de células de sangue periférico.

O Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) realizou nove durante o ano pasado.

O centro que máis transplantes levou a cabo foi o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que realizou 59 transplantes, mentres que o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago fixo 45 -seis en pacientes pediátricos-, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo efectuou 44; e o Hospital Lucus Augusti e o Complexo Hospitalario de Ourense fixeron 12 cada un.

Aínda que en 2015 Galicia aumentou nun 32 por cento o número de doazóns de medula ósea, ata as 1.347, as cifras fan que a comunidade estea nunha posición inferior á media nacional.

Para as persoas interesadas en doar, Sanidade pon á súa disposición a web galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites e rexistro aos potenciais doantes.

A Xunta lembrou que na actualidade o transplante de medula ósea é un procedemento que se realiza por tres vías, en autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado.

  • No primeiro pódese usar tanto a medula ósea como as células nai que circulan polo sangue do paciente.
  • No caso do aloxénico emparentado, non se poden usar as células propias do paciente e hai que buscar un doante dentro da súa familia que sexa compatible.
  • Finalmente, prodúcese un transplante aloxénico non emparentado cando non se poden usar as células propias do paciente e non hai un doante compatible entre os seus familiares.

 

No ano 2008 comezouse a facer este tipo de transplante en Galicia e, ata agora, realizáronse 210 intervencións.