Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza, recollía este venres no Mercado das Cunchas o premio Loureiro de Ouro, un galardón gastronómico que outorga o Concello con motivo da Festa das Cunchas, que se celebra na Praza de España ata o domingo 9 de outubro.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, manifestaba que o centro de hostalería situado en Mourente é un elemento identificativo da cidade formando a numerosas xeracións de profesionais deste sector. "Sobran os motivos para darlle un galardón como este a un centro que é un aceno de identidade da nosa cidade, que forma parte dela dunha forma moi activa", asegurou.
Tamén recoñeceu que o CIFP é fundamental para que Pontevedra opte a converterse en Capital Española da Gastronomía 2023, unha opción que se coñecerá o 16 de novembro, segundo afirmou a concelleira. "Estamos nun sprint final para converternos en Capital Española da Gastronomía e queremos que o xurado vexa que non só temos respaldo institucional e empresarial, senón da propia cidadanía", argumentou.
O director do centro mostraba a súa satisfacción ao recoller o galardón lembrando que levan 26 anos na cidade con ex estudantes que se converteron en emprendedores montando o seu propio negocio, mentres outros se trasladaron ao exterior promocionando a cidade de Pontevedra a nivel internacional. Hermo indicaba que desde o inicio da actividade no CIFP sempre se quixo ter visibilidade formando parte do modelo de cidade. Afirmou tamén que Pontevedra ten o mellor produto, cociña e persoas para converterse en Capital Española da Gastronomía.
No acto tamén participaba Rubén González Vallejo, ex alumno, chef do restaurante El Cafetín e gañador da Batalla das Cunchas 2022, encargado de entregar o premio. Manifestaba durante a entrega que é "un orgullo" entregar esta distinción a un centro ao que segue ligado para ver como melloran a través de proxectos como o da creación da horta ou en I+D+i. Considera "moi merecido" este premio porque "se están a facer ben as cousas".
Na entrega tamén se atopaban presentes a vicedirectora do Carlos Oroza, Pilar Tallón; e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey. Na súa primeira edición, o premio Loureiro de Ouro recaera no Gremio de Mareantes, en representación do barrio pontevedrés da Moureira.