O CIM de Marín anima a participar no 8M a todas as mulleres emprendedoras da vila

Marín
23 de febreiro 2023

O Concello de Marín, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), busca a testemuña directa de mulleres autónomas da vila no acto institucional que se vai celebrar o 8 de marzo polo Día da Muller

Reparto de tazas con motivo do Día Internacional da Muller en Marín
Reparto de tazas con motivo do Día Internacional da Muller en Marín / Concello de Marín

Desde o Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Marín queren animar a todas as mulleres autónomas a que participen no acto institucional do 8M que se celebrará no salón de plenos do Concello

O Día da Muller en Marín é, desde hai anos, unha palestra na que homenaxear a distintos colectivos de mulleres que "supoñen un exemplo e unha inspiración para unha sociedade na que aínda queda moito camiño por percorrer para acadar a igualdade real e efectiva", destacan desde o Concello.

Este ano, ese colectivo é o que conforman as mulleres autónomas que están ao frente de negocios propios do pequeno comercio xa que, segundo o goberno municipal, "son un exemplo de emprendemento, de traballo e de xeración de economía local imprescindible para o progreso e a riqueza da vila".

Por iso, a testemuña directa das mulleres autónomas é a que enriquece a celebración deste día. Aquelas interesadas poden poñerse en contacto co CIM a través do email [email protected].

Ademais, o Concello presentou a viñeta deste ano na que se lles rende homenaxe a estas mulleres, autoría da ilustradora e ceramista Abi Castillo.

Esta ilustración estamparase, como xa é habitual, nas tazas que se repartirán na mesma semana do 8 de marzo entre a cidadanía, así como noutro material de sensibilización.