O colectivo 'Por un parque para perros digno' prepara novos actos de protesta

Pontevedra
18 de marzo 2014

O colectivo segue a reclamar un espazo na cidade para poder deixar soltos aos cans e denuncian pasividade por parte do goberno local. Insisten en que deben retirarse as "sancións inxustas" emitidas pola Policía Local a donos que a primeiros deste mes de marzo paseaban as súas mascotas sen correa

Axentes da Policía Local durante unha concentración canina
Axentes da Policía Local durante unha concentración canina / PontevedraViva

A plataforma 'Por un parque para cans dignos en Pontevedra' prepara xa novas mobilizacións para reclamar un espazo na zona urbana no que poidan pasear as súas mascotas sen necesidade de levalas atadas cunha correa. Segundo explica o voceiro do colectivo, David Rivadulla, nas últimas horas se mantiveron reunións entre propietarios de cans das rúas Joaquín Costa e Eduardo Pondal e ao longo deste martes 18 teñen previsto establecer contacto con donos de animais da zona de Campolongo para organizar unha nova protesta durante o próximo sábado 22despois da realizada o pasado día 15.

Dende este colectivo insisten en que se retiren as sancións que a Policía Local impuxo a propietarios de cans que levaban sen correa ás súas mascotas na campaña emprendida polo Concello durante finais de febreiro e principios do mes de marzo nos parques públicos da cidade.

David Rivadulla indica que, dende que iniciaron as súas protestas, notan que hai menos vixilancia policial e que na última semana non se rexistrou ningunha nova sanción. O voceiro do colectivo indicou que numerosos propietarios están a utilizar descampados no ámbito de Eduardo Pondal para levar os seus cans xa que nos parques temen que se lles impoñan novas multas.

Nestes momentos, esta plataforma quere realizar unha protesta no parque habilitado para cans na Xunqueira de Alba para mostrar os problemas que presenta ese espazo porque, segundo alega, é de pequenas dimensións.

David Rivadulla indica que, dende o goberno local, ninguén se puxo en contacto con eles para intentar estudar unha alternativa e anuncia que se presentarán á mesa de negociación co Concello a través de Adopcións Galicia ou dos Palleiros, colectivos que contan con representación nesas reunións.