O colexio de Viñas xa é enerxeticamente eficiente

Poio
16 de decembro 2022

As obras de eficiencia enerxética que Educación encargou para o colexio de Viñas, en Poio, xa están rematadas. Supuxeron un investimento duns 390.000 euros. Os traballos consistiron na substitución de fiestras e portas exteriores e na reforma dos aseos

Visita de Román Rodríguez ao colexio de Viñas, en Poio Xunta de Galicia

As obras de eficiencia enerxética que Educación encargou para o colexio de Viñas, en Poio, xa están rematadas. Supuxeron un investimento duns 390.000 euros.

Os traballos, que consistiron na substitución de fiestras e portas exteriores e na reforma dos aseos, foron revisados este venres polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades.

"Supuxeron unha importante mellora da eficiencia enerxética e do confort para o conxunto da comunidade educativa", destacou Román Rodríguez. 

En concreto, ademais de renovar os aseos, cambiouse toda a carpintaría exterior (portas e fiestras) por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e vidro laminado acústico e de seguridade.

Así, substituíronse un total de 80 ventás, precisou o conselleiro para facer referencia a esta obra que é a de maior envergadura feita en Poio en materia educativa nos últimos anos.

O investimento total da Consellería de Educación en Poio nos últimos anos ascende a preto de 1,6 millóns de euros, dos cales máis de un millón concéntranse no colexio de Viñas e no de Chancelas.

A maiores, este ano tamén se acometeu a renovación das luminarias por outras tipo LED no instituto IES de Poio, por un importe de máis de 82.500 euros.