A campaña "En negro contra a violencia" que impulsa unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas está a ter un gran eco entre o comercio pontevedrés que se está implicando nesta iniciativa.
É o caso da rúa Rosalía de Castro onde a totalidade dos establecementos secundan esta proposta, tal e como explicou Conchi Pereiro, de Viaxes Circe, que actuou como portavoz dos seus compañeiros. "É doloroso que teñamos que facer estas cousas para que a sociedade se conciencie".
Ante o "grave problema que padece a nosa sociedade enferma", estes cidadáns decidiron dar un paso á fronte e implicarse en buscar unha saída contra a violencia que sofren as mulleres.
A concelleira de Benestar, Carmen Fouces e o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitaron algúns dos comercios que participan na campaña para agradecer este compromiso.
"Temos que pensar que tipo de sociedade queremos", comentou Fouces.
O alcalde insitió en que "todos temos responsabilidade" no cambio que debe producirse para que se respecte a igualdade, poñendo o obxectivo especialmente nos nenos.