O comité de folga das ambulancias prepara outra semana de paro se non se acada un acordo o 28 de febreiro

Pontevedra
25 de febreiro 2019

Este luns representantes do comité de folga mantiñan un encontro co alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. Denuncian que levan tres anos sen convenio colectivo e as deficiencias do servizo tanto na comarca de Pontevedra como no Salnés

O alcalde de Pontevedra con representantes do comité de folga do servizo de ambulancias Mónica Patxot

O vindeiro xoves 28 de febreiro, o Consello Galego de Relacións Laborais acollerá un encontro entre a patronal do sector de ambulancias e os representantes sindicais para tentar que se chegue a un acordo para resolver o conflito actual que levou o persoal do servizo de ambulancias a manter oito días de folga.

No caso de que as negociacións se manteñan estancadas, CIG, CC. OO. e UXT convocarán unha semana máis de paros, entre o 4 e o 10 de marzo. Se a situación persiste, entón teñen previsto iniciar unha folga indefinida a partir do 20 de marzo.

Este luns, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores recibía a representantes do comité de folga para ter coñecemento das súas demandas e das carencias que se rexistran tanto na comarca de Pontevedra como no Salnés en relación a este servizo.

Xabier Aboi, da CIG, sinalaba que desde 2016 non se actualizaron os salarios e lembrou que a situación se complicou para o sector programado das ambulancias desde que se cambiou como hospital de referencia o de Vigo polo de Santiago para a área sanitaria de Pontevedra. Esta decisión, adoptada polo SERGAS, provocou segundo o dirixente da CIG que a empresa que realiza este servizo entrase en perdas. 

Aboi afirmaba que Marín precisa que a actual ambulancia de 16 horas que opera en Marín debería ter un horario ampliado a 24 horas, ademais de complementala con outra de 12 horas. E pola súa banda O Salnés, sinalou, precisa outra ambulancia medicalizada todo o ano alertando de que as actuais chegan a realizar 5.000 servizos anuais.

Indicou que na comarca de Pontevedra, as ambulancias realizan unha media diaria de 14  serivicios durante os 365 días ao ano, "unha auténtica locura". E as medicalizadas alcanzan case os 5 servizos cada día.

Pola súa banda, Alfonso Boullosa, de UXT, reclamou ao SERGAS unha cifra enriba da mesa destinada á próxima concesión prevista para o 15 de outubro. Sinala que esta é a única fórmula que lles permitirá chegar a un acordo coa patronal para alcanzar un novo convenio. 

O alcalde de Pontevedra afirmou que o grupo do BNG tentará levar a pleno unha moción para que o SERGAS asuma a responsabilidade de que as empresas que optan aos concursos cumpran co previsto e garantan que o persoa conte cun salario digno e evítense situacións como a actual, que cualificou como "extrema".