O concelleiro de Educación lamenta a "ignorancia" de Jacobo Moreira nas súas reclamacións

Pontevedra
05 de febreiro 2014

Agustín Fernández acláralle ao PP que as estradas do colexio de Xeve son autonómicas. O Concello xa pediu hai un ano á Xunta a construción da beirarrúa

Rueda de prensa de Agustín Fernández PontevedraViva

O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, replicou este mércores as "impropias peticións" do portavoz popular, Jacobo Moreira, sobre obras no colexio de Santo André de Xeve.

Fernández acláralle a Moreira que as dúas estradas con lindeiro ao colexio de Xeve forman parte da Rede Autonómica de Estradas, ao tratarse da PO-223 e a PO-224. Polo tanto, o Concello non pode construír beirarrúas para mellorar a seguridade viaria dos alumnos, como reclama o PP.

Ademáis, segundo Agustín Fernández, o Concello xa reclamou a execución desta obra en marzo do pasado ano diante das xefaturas territoriais das consellerías de Medio Ambiente e Educación. Fíxoo xuntando un informe da Policía Local por un incidente de seguridade viaria cun alumno e as peticións do Consello Escolar de Xeve. Non se recibiu resposta.

"Jacobo Moreira trabúcase esixindo precipitadamente ao Concello a realización de obras en estradas autonómicas"

O concelleiro de Educación lembra que trátase da segunda vez que "Jacobo Moreira trabúcase esixindo precipitadamente ao Concello a realización de obras en estradas autonómicas. Xa sucedeu hai poucas semanas a propósito dos danos no peitoril da ponte de Ponte Sampaio".

Agustín Fernández asegurou que, en canto reciba a petición de Jacobo Moreira, volverá remitila aos xefes territoriais das consellerías competentes, como xa fixo o ano pasado.

Ao responsable territorial da Consellería de Educación xuntará tamén a petición de construción duns novos aseos a carón do comedor escolar, obra que tamén corresponde a este departamento, por exceder das competencias municipais, "que se cinguen exclusivamente ao mantemento e conservación, como debería saber o señor Moreira".