O Concello acusa á Xunta de "tirar balóns fóra" á hora de resolver o estado actual do CEIP Barcelos

Pontevedra
16 de xaneiro 2024

Desde o Concello mándase unha mensaxe de apoio e tranquilidade ás familias. O edil Demetrio Gómez afirmou que se seguirá a manter a colaboración en todo momento á hora de buscar e atopar vías para solventar a problemática actual

Obras no terreo lindeiro co Colexio Praza de Barcelos
Obras no terreo lindeiro co Colexio Praza de Barcelos / Mónica Patxot

O concelleiro de Educación no Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, participou este martes nunha xuntanza convocada pola Xunta para tratar o estado actual do CEIP Praza de Barcelos logo dos danos causados no centro educativo por mor da construción dun edificio lindeiro.

Nun comunicado difundido polo Concello sinalan que deste encontro coa administración autonómica "non foi posible extraer ningunha solución a curto prazo para os problemas que está a vivir o centro".

Tal e como indicou o concelleiro trala xuntanza, o Concello de Pontevedrá seguirá mantendo a idea de colaborar "en todo o que estea nas súas competencias, tamén para que o centro poida volver ter unha aula de educación física practicable".

Gómez lamentou a "actitude" da Xunta fronte á "situación de emerxencia" que se está a vivir no colexio pontevedrés, "tirando balóns fóra á hora de atallar a problemática ou buscar solucións para a mesma".

"Desde o Concello puxemos sobre a mesa a proposta de que a Xunta explore a posibilidade da contratación dunha carpa que substitúa de xeito provisional o ximnasio do centro, xa que é a administración autonómica o organismo con competencias exclusivas na materia de  Educación", indicou Gómez.

INSTALACIÓN PROVISIONAL

Pola súa banda a Xunta reclama ao Concello que se habilite unha instalación provisional neste colexio mentres que a empresa responsable dos destrozos ocasionados non repare os danos producidos no ximnasio do centro, cuxo estado non permite a súa utilización.

Así llo demandou o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, ao Concello de Pontevedra, nesta reunión de traballo na que tamén participaron o director do colexio e técnicos da Xefatura Provincial.

No decurso da mesma púxose de manifesto que a responsabilidade íntegra de reparación dos danos causados atinxe á empresa que os provocou e, "dado que o inmoble é de titularidade municipal, esta reclamación debe facela directamente o Concello de Pontevedra", apuntou a Xunta.

Neste senso, Xunta e Concello coincidiron en requirirlle á empresa que poña en marcha as medidas urxentes pertinentes para a reconstrución do ximnasio. Mentras tanto, desde a Xunta continuarase en permanente contacto coa dirección do centro educativo para facer un seguimento da situación. En todo caso, a Xunta subliñou que a seguridade da comunidade educativa está garantida.

"O importante é solucionar o problema, o importante é que as dúas administracións colaboremos e poñamos en común todos os recursos dispoñíbles para atallar canto antes esta problemática", finalizou Demetrio Gómez.