O Concello alega ante Costas contra a gasolineira do Burgo e o transformador do Pavillón

Pontevedra
21 de outubro 2019

O goberno municipal considera que os terreos da gasolineira deben recuperarse para o uso e goce de toda a cidadanía. Por iso, o Concello presentou alegacións ante Costas para mostrar o seu rexeitamento á prórroga solicitada por Repsol

Transformador fronte ao Pavillón dos Deportes
Transformador fronte ao Pavillón dos Deportes

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu o visto e prace ás alegacións con respecto ás prórrogas para a gasolineira do Burgo e o transformador situado fronte ao Pavillón dos Deportes, por parte da Dirección Xeral da Sustentabilidade da Costa e Mar.

No caso da estación de servizo de Repsol, para o Concello de Pontevedra é "evidente" que non pode continuar na súa actual localización na cabeceira norte da ponte do Burgo, que forma parte do Camiño Portugués a Santiago, itinerario declarado como Ben de Interese Cultural (BIC), polo que conta cunha protección patrimonial específica.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, lembrou que a petición da empresa xa conta cun pronunciamento contrario por parte de Costas, que entende que unha gasolineira non debe ocupar terreos de dominio público marítimo terrestre e que tamén existe un informe emitido por Medio Ambiente da Xunta, en outubro de 2015, que asegura que "existen evidencias" de contaminación no Lérez e que a estación de servizo provoca "prexuízos ambientais" no río.

Ademais, a gasolineira está fóra de ordenación e que o plan vixente establece que este tipo de equipamentos deber estar situados fóra das zonas residenciais da cidade.

TRANSFORMADOR

O goberno local tamén presenta alegacións á solicitude de Unión Fenosa para que Costas permítalles manter o transformador eléctrico situado fronte ao Pavillón Municipal.

Anabel Gulías comentou que os técnicos de Naturgy coincidiron co Concello e con Costas en que dita instalación pode ter unha localización alternativa, polo que o goberno municipal tamén rexeita a súa continuidade e esixirá o seu traslado.