O Concello confía en que Campañó e Ponte Sampaio teñan campo de fútbol novo a finais de ano

Pontevedra
18 de xuño 2018

Os novos campos de fútbol de herba sintética que o Concello impulsa nas parroquias de Campañó e Ponte Sampaio estarán construídos a final de ano. Ese é o calendario que manexa o goberno municipal para ambos os dous equipamentos

Proxecto do novo campo de fútbol de Campañó
Proxecto do novo campo de fútbol de Campañó / Concello de Pontevedra

Os novos campos de fútbol de herba sintética que o Concello impulsa nas parroquias de Campañó e Ponte Sampaio estarán construídos a final de ano. Ese é o calendario que manexa o goberno municipal para ambos os dous equipamentos.

Elsamex construirá o campo de Campañó, segundo aprobou este luns a Xunta de Goberno a proposta da mesa de contratación. Farao por 895.400 euros e terá un prazo de seis meses para executar a obra.

A empresa, ademais, comprométese a realizar melloras nas instalacións e no equipamento con respecto ao proxecto orixinal e manterá o céspede do campo durante cinco anos, en lugar do ano que recollía o prego de contratación.

O campo de Ponte Sampaio, pola súa banda, correrá a cargo de Ediserpo por 1.163.536 euros. A empresa, xunto coa mellora das instalacións e asumir o mantemento do céspede durante cinco anos, tamén deberá facerse cargo da derriba do campo actual. Terán seis meses para executar a obra.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que cando Costas desafecte os terreos do actual campo de fútbol, poderase redactar o proxecto para recuperar esta parcela e integrala nos espazos de lecer da contorna da Xunqueira.

ESCOLAS DEPORTIVAS

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou as bases e a convocatoria das axudas das escolas deportivas municipais, que permitirá subvencionar as actividades desenvolvidas na tempada que acaba de terminar. Destínanse a este fin 142.000 euros e poderán optar a elas tanto clubs deportivos, como federacións ou as ANPAS.